O colexio Compañía de María de Cangas, comeza a súa andaina en setembro de 1925 como Escola Privada, con carácter gratuíto, despois de obter as relixiosas os permisos necesarios para establecerse como Comunidade Compañía de María e dedicarse ao ensino. Sitúase no lugar de Cimadevila na casa chamada: “A Gloria”. As relixiosas chegaran da casa de Santander.
Nun primeiro momento impártense clases de Ensino Primario, cultura xeral, piano, corte e confección, de acordo coas necesidades educativas do momento.
Co paso dos anos van aparecendo novas necesidades e así xorde a de que o Colexio pase a ser Filial do Instituto Feminino de Vigo (ano 1964), para que as rapazas da zona: Cangas, Moaña, Bueu, Aldán…poidan estudar Bacharelato sen ter que desprazarse.
No curso escolar 1968-69 comeza a funcionar a Asociación de Pais de alumnas, animados e orientados pola xa existente asociación do noso colexio de Vigo, co fin de buscar a promoción dos pais e conciencialos do seu papel na tarefa educativa das súas fillas.
Ata o curso 1971-72 impartiuse o bacharelato, que comeza a desaparecer coa implantación da nova lei de Educación. No ano 1974 rematan os estudos da ata ese momento Filial e apróbanse catro clases para alumnos de Preescolar.
No nadal de 1974 e co gallo dun concurso de Panxoliñas organizado pola Asociación de Pais, cantan as nenas do colexio e faino tamén un grupo de pais, que ao gustar tanto a súa actuación, decídense a crear a actual Coral Lestonnac.
A transformación definitiva en centro de EXB ten lugar en 1976 con 16 unidades, ampliándose ata 18 unidades subvencionadas no curso 1980-81, pasando máis tarde a réxime de Concerto Educativo.
A educación presenta sempre novos interrogantes e cómpren novos camiños e así no curso 1978-79 o colexio comeza a admitir nenos e polo tanto, a levar adiante a tarefa da coeducación.
Durante todos este anos existe tamén a Escola nocturna, máis tarde chamada de Educación Permanente de Adultos (EPA) e que deixou de funcionar no curso 1990-91 por non ser xa necesario este servizo.
E como no campo da Educación sempre hai que estar atento ás novas necesidades, no ano 1990 solicítase á Xunta a concesión dunha aula de Especial. Unha vez concedida, en marzo do mesmo ano concédesenos tamén ser Centro de Integración para poder atender a nenos con dificultades.
O colexio Compañía de María quere seguir dando resposta a todas as necesidades que se poidan presentar, sempre desde a idea de actuar como axentes transformadores, desde a tarefa que a cada un lle toque realizar.