ESTE ENTROIDO CONVERTÉMONOS NO MELLOR DOS MUSEOS

Este ano percorremos as rúas de Cangas como "auténticas" obras de arte.

A temática escollida para o Entroido deste ano no Centro foi a arte e, en particular, a pintura. E como nos quedou tan ben decidimos saír polo pobo cos nosos disfraces e bailes.

Toda a etapa de Educación Infantil desfilou disfrazada do cadro de Kandinsky "Cadrados e círculos concéntricos" con reproducións do cadro feitas por eles mesmos.

1º e 2º de Primaria escolleron o cadro "Muller, paxaro e estrela" de Joan Miró, 3º e 4º disfrazáronse das famosas "Meninas" de Velázquez e 5º e 6º "A muller con sombreiro" de Pablo Picasso.

Da National Gallery de Londres trouxéronnos os de 1º e 2º de ESO "Os xirasoles" acompañados do mesmísimo Van Gogh! 3º e 4º optaron pola arte pop da segunda metade do século XX disfrazándose do cadro de Andy Warhol "Marilyn Monroe".

Un ano máis a ANPA participou tamén no noso entroido aparecendo como pintores ambulantes con carro e todo!

E deste xeito, combinando diversión e coñecemento, disfraces e cultura, demos por inaugurado este Entroido 2019.