COÑECENDO O TRABALLO DOS QUE LOITAN CONTRA OS INCENDIOS

Alumnos da Escola Taller Granxa da Rúa imparten un obradoiro teórico/práctico aos rapaces de 1º de ESO para dar a coñecer o seu labor contra os lumes.

Esta mañá contamos coa presenza dos alumnos da Escola taller Granxa da Rúa, acompañados do seu mestre Juan José Rodríguez Blanco e do seu director Enrique Otero Barberena.
Dentro do seu programa formativo, os alumnos desta Escola teñen que facer unha parte de exposición teórica , polo que a charla e pequeno obradoiro práctico que desenvolveron no noso centro foi unha das accións divulgativas encamiñadas a concienciar á poboación, neste caso a rapaces de 1º da ESO, sobre o perigo dos incendios e as súas consecuencias.
Durante a charla, os distintos alumnos da Escola taller explicaron os tres puntos fundamentais do seu traballo como expertos en Vixilancia e control de Incendios, isto é : 
1. A prevención: mediante a silvicultura preventiva (desbroces e podas nos montes), a mellora das infraestruturas (casetas de vixilancia, cámaras, zoom, cortalumes, pistas forestais, puntos de auga), investigación das causas dos incendios e  a divulgación.
 2. A extinción: na que é imprescindible contar con medios humanos e mecánicos. Os ponentes insistíronlles ós rapaces, sobre o que hai que facer se vemos un incendio forestal: en primeiro lugar avisar ó 085 e  logo manter a calma e abandoar o lugar.
3. A rexeneración: Neste punto explicaron as tarefas de recuperación que hai que facer despois de extinción dun incendio atendendo a orografía e tipo de solo, a acción da auga e á vexetación.
Para rematar tan interesante charla, os alumnos de 1º de ESO do noso centro tiveron a oportunidade de coñecer e utilizar os trebellos manuais utilizados para sufocar os lumes e contaron tamén co camión de bombeiros de protección civil, polo que puideron facer prácticas coa mangueira, guiados en todo momento polos alumnos da Escola quen lles transmitiron todos os seus coñecementos.