PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DE SEGUIMENTO DE LIXOS MARIÑOS

Pablo Martínez, Paula Ríos e Carla Rodríguez presentaron este traballo de investigación no que leva traballando o alumnado de Bioloxía de 4º de ESO durante este curso.

O Programa de seguimento de lixos mariños en praias de Cangas é un proxecto de investigación realizado polos alumnos de Bioloxía e Xeoloxía  de 4º ESO do Colexio Compañía de María de Cangas, coordinados polo seu profesor Joaquín Álvarez. O Proxecto ten como socio colaborador á empresa Frigoríficos del Morrazo, S.A.

Este proxecto ten como obxectivo principal a iniciación na investigación dos alumnos de 4º ESO. Son obxectivos secundarios: a concienciación no coidado do medio ambiente dos alumnos e da cidadanía, unha certa limpeza das praias e dar a coñecer o estado das praias as autoridades e a cidadanía.

Este programa realízase en cinco praias do concello de Cangas situadas na proximidade da vila: Praia dos Alemáns, praia de Massó, praia da Congorza, praia do Medio e praia das Cunchas. En cada praia realizáronse no ano 2019 catro mostraxes (inverno, primavera, verán e outono) coa finalidade de avaliar a existencia dun comportamento estacional na presenza de lixo mariño. 

O proxecto segue a grandes rasgos o protocolo do PROGRAMA DE SEGUIMIENTO DE LIXOS MARIÑOS EN PRAIA DA DIRECCIÓN XERAL DE SOSTENIBILIDADE DA COSTA E DO MAR DO MINISTERIO PARA A TRANSICIÓN ECOLÓXICA (GOBERNO DE ESPAÑA) enmarcado en Convenio OSPAR para a protección do Atlántico Nordeste.