PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE SEGUIMENTO DE LIXOS MARIÑOS

Esta semana déronse a coñecer os resultados do proxecto de investigación realizado polos alumnos de 4º de ESO da área de Bioloxía ao longo do ano 2020.

A orixe do noso proxecto está na observación da presenza moi significativa de lixos de diferentes orixes nas praias de Cangas e a necesidade de que os nosos alumnos teñan una iniciación na investigación científica.

Defínese como lixo mariño a calquera sólido persistente de orixe non natural (producido ou transformado polo home), que sexa rexeitado, depositado ou abandonado en ambientes mariños e/ou costeiros. 

Este programa de seguimento de lixos mariños realízase en cinco praias do concello de Cangas situadas na proximidade da vila: Alemáns, Salgueirón, Congorza, Medio e Cunchiñas.

En cada praia realízaronse 4 mostraxes (campañas) no ano 2020 (inverno, primavera, verán e outono) coa finalidade de avaliar a existencia dun comportamento estacional na presenza de lixo marino. Para a realización da mostraxe seguiuse un formulario estandarizado baseado no Programa de Seguimento de Basuras Marinas do Ministerio de Medioambiente.

Na realización das mostraxes retírase o lixo observado e posteriormente procédese a súa contaxe e a inclusión dos datos obtidos nas correspondentes follas de cálculo para o seu estudo. As mostraxes documéntanse fotográficamente. 

Ao longo do ano 2020 contabilizánrose un total de 28.884 obxectos. Os máis numerosos son obxectos de vidro (17.045), a meirande parte deles moi redondeados. En segundo lugar atopamos materiais  cerámicos e de construcción (4.661), tamén moi redoneados. En terceiro lugar, temos os plásticos, con 4.241 obxectos de diversa orixe. Cómpre salientar a presenza 1.804 obxectos metálicos.