Programa de Mellora de Bibliotecas

O PLAMBE (Programa de Mellora de Bibliotecas) é un programa de innovación educativa que procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

  1. A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.
  2. O deseño da biblioteca cun enfoque inclusivo, con atención aos espazos, os recursos, as oportunidades e a actitude para unha correcta atención da diversidade.
  3. A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.
  4. A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.
  5. O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
  6. O deseño e o desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.
  7. A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.
  8. A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.
  9. O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.
  10. O fomento da lectura e da escritura.
  11. A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.
  12. As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.
  13. A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
  14. A contribución da biblioteca á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU (ODS 2030).