REGUEIFANDO EN COMPAÑÍA

Nunca aprender poesía foi tan divertido! Os famosos regueifeiros Luís , O Caruncho, e Pinto d’Herbón, ensinan ós alumnos de 2º de ESO a arte de compoñer regueifas.

As regueifas defínense como cantos populares entre dúas ou máis persoas que seguen unha mesma música durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado.

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Ilmo. Concello de Cangas convocou este ano, co motivo da celebración das Letras Galegas, un Certame de poesía improvisada conxuntamente cos concellos de Bueu, Moaña, e a Deputación Provincial de Pontevedra. O certame consiste nun concurso que leva o título de: Regueifando no Morrazo e que ten como obxectivo normalizar o uso da lingua galega e promover un sentimento de identificación coa nosa cultura, entre os alumnos de Secundaria da comarca.

Así, o pasado xoves, achegáronse ó noso centro os regueifeiros Luís, o Caruncho, e Pinto D’Herbón para ensinar a compoñer regueifas ós alumnos de 2º de ESO. Durante hora e media explicáronlles a orixe das Regueifas, os conceptos básicos para a súa elaboración e acompañáronnos na composición das súas primeiras creacións propias.

Os mestres regueifeiros visitarannos de novo o vindeiro día 26 de abril para seguir preparando a 25 alumnos pre -seleccionados, dos que sairán os 10 finalistas que participarán o 3 de maio no auditorio de Cangas na batalla final entre os escollidos dos distintos centros de Secundaria do Morrazo.