O ENTROIDO MÁIS CÓMICO

Este ano desfilaron polo Colexio os mellores personaxes de cómic de tódolos tempos.

Os nenos e nenas de Educación Infantil apareceron convertidos nos xemelgos máis trastes e famosos, Zipi e Zape, acompañados, como non, por Dona Jaimita e Don Pantuflo.

1º e 2º de Primaria quixeron homenaxear ao gran debuxante Quino disfrazados da simpática e atrevida pequerrecha Mafalda, acompañada do seu inseparable Felipe.

Logo apareceron as Tartarugas Ninja, cada unha con cadansúa cor característica, cunha coreografía moi traballada e vistosa. Eran as alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria comandados polas súas profes.

Os maiores de Primaria (5º e 6º) metéronnos de cheo no universo Ibáñez coa parella de axentes máis famosa da historia do cómic: Mortadelo e Filemón. Prepararon un espectáculo músico-teatral no que non faltou nada: a señorita Ofelia, o extravagante Súper, o profesor Bacterio, unha cabina telefónica e mesmo un zapatófono! Sen dúbida un dos mellores momentos do desfile.

E, chegada a quenda dos alumnos e alumnas da ESO, entraron con gañas de festa os de 1º e 2º disfrazados de Pitufos perseguidos polo malvado Gargamel.

O segredo mellor gardado da semana foi desvelado neste momento: de que van disfrazados os de 3º e 4º de ESO? V de Vendetta saíu de entre o público para enfrontarse ao malvado líder cambiando a súa violencia por música e harmonía. Alumnos e alumnas saían disfrazados de V de Vendetta por todos lados para sorpresa dos alí presentes.

Para moitos de nós os membros da ANPA do noso Centro son uns auténticos superhéroes por todo o traballo que fan e as gañas que lle poñen. Así que, nesta ocasión, xa non puideron ocultalo máis e apareceron disfrazados de Supermán, Batman, Elastigirl, ... É dicir: cos seus superpoderes de cada día pero con capa e antiface.

Ramataron este desfile tan "cómico" os antigos e antigas alumnos/as navegando polo patio no barco de Vicky o vikingo.

Pola tarde os nenos e nenas de Infantil e Primaria tiveron unha merenda con disfrace libre na que non faltaron os xogos e a música para entrar do mellor xeito no Entroido 2018.