AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E FONDO SOLIDARIO

Publicada a orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto, axudas para libros e material escolar para o vindeiro curso 2018-19.

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO

  1. DESTINATARIOS: Alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO)
  2. ASIGNACIÓN: A asignación dos libros de texto dispoñibles no fondo solidario do centro efectuarase ao alumnado que participe no fondo, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. Terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
  • Ao alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5400 €: seis (6) libros de texto
  • Ao alumnado con renda per cápita superior a 5400 € e igual ou inferior a 9000 €: catro (4) libros de texto
  • Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou unha discapacidade igual ou superior ao 65 % : seis (6) libros con independencia da renda.
  1. DEVOLUCIÓN DE LIBROS DE TEXTO DO CURSO 2017/2018:

O prazo máximo para devolver os libros de texto recibidos do fondo solidario ou adquirido con axudas para libros de texto será:

  • O día 18 de xuño para EP.
  • O día 19 de xuño para ESO.

O alumnado  de ESO que teña algunha materia suspensa poderá quedarse co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o día 7 de setembro de 2018.

    AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO (1º e 2º EP e EE)

A contía da axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, e para alumnado de Educación Especial será a seguinte:

  1. Para o alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5400 €: 170 €
  2. Para o alumnado con renda per cápita familiar superior a 5400 € e igual ou inferior a 9000 €: 90 €
  3. Para o alumnado matriculado en Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, a contía das axudas será 250 € con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
  4. Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso no que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

AXUDAS PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR

A contía da axuda para adquirir material escolar destinado ao alumnado matriculado en EP e en ESO con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5400 € será de 50 €.

O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
 

OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:

  • Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto no curso 2017/2018.
  • Están excluídos desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP e o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.
  • A falta de devolución será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2018/2019.
  • Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2018/2019 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou en setembro, segundo o caso.
  • Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro no que estea matriculado o alumnado.
  • Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.
  • Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

NORMAS XERAIS DE PROCEDEMENTO

Corresponderá aos centros docentes sostidos con fondos públicos tramitar as solicitudes de participación e realizar os demais actos de xestión previstos nesta orde.


PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

  1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con quen conviva en acollemento familiar.
  2. A solicitude será única para todos os fillos que estean admitidos no mesmo centro escolar  para o curso 2018/2019.
  3. Na solicitude deberán especificar o nivel de estudos que cada un deles espera realizar no dito curso.
  4. A solicitudes presentaranse en soporte papel e presencialmente, no centro docente antes do 22 de xuño de 2018. Tamén poderá presentarse polos cidadáns mediante sede electrónica antes deste mesmo día. Os enderezos de acceso á aplicación informática para presentar as solicitudes persoalmente son: https://www.edu.xunta.es/fondolibros e https://www.edu.xunta.es/axudaslibros.
  5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado. A súa presentación implica que se aceptan as bases da convocatoria, cumpre os requisitos esixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude. Así mesmo, comprométese a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario  ou adquiridos coa axuda para libros de texto.
  6. O alumnado que repita 4º ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2018/2019 e formalice a matrícula no curso de ESO que lle corresponda, cando non tivese presentado a solicitude de participación no fondo solidario e a solicitude a para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderá presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.
  7. Os modelos de solicitudes incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

DOCUMENTACIÓN:

  1. As solicitudes do alumnado de Educación Primaria e de ESO irán acompañadas da seguinte documentación:
    1. Copia do Libro de Familia onde figuren todos membros computables. Nos casos en que non teñan libro de familia ou este non reflicta a situación a 31 de decembro de 2016, poderán acreditar o número de membros mediante algún dos seguintes medios:
    • Sentenza xudicial de separación, divorcio ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do menor.
    • Certificado ou volante de convivencia.
    • Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
  2. Certificado do grao de discapacidade de calquera outro membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
  3. Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  4. Resolución xudicial no caso de incapacitación xudicial con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  1. As solicitudes do alumnado con discapacidade igual ou superior ao 65 % irán acompañadas do certificado do grao de discapacidade do alumno/a recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.
  2. As solicitudes do alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia irán acompañadas da copia da resolución administrativa ou xudicial xustificativa do acollemento ou do certificado do centro de menores.
  3. Para a documentación presentaranse fotocopias acompañadas dos respectivos orixinais que permitan verificar a autenticidade das mesmas.
  4. Os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, reflectir a situación persoal, familiar e económica a 31 de decembro de 2016, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.
  5. O centro requerirá que as persoas interesadas corrixan as deficiencias detectadas nas solicitudes presentadas ou na documentación aportada.

NORMAS ESPECÍFICAS DO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO

  1. Ata o día 6 de xullo, o centro gravará na aplicación Fondolibros as solicitudes de participación e a emenda das deficiencias nestas ou na documentación presentada.
  2. O día 12 de xullo de 2018 o centro publicará no taboleiro de anuncios as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas. No caso das últimas indicando a causa.
  3. As persoas interesadas poderán reclamar nos dous días seguintes á publicación da listaxe provisional. O centro gravará as reclamacións e resolverá antes do día 18 de xullo.
  4. O día 20 de xullo de 2018 publicará as listaxes definitivas de EP.
  5. O día 14 de setembro de 2018 publicará as listaxes definitivas de ESO.
  6. En EP o centro entregará os libros de texto asignados a cada alumno a principio de curso.
  7. En ESO o centro entregará os libros a partir do 17 de setembro de 2018.
  8. En ambos os casos, o centro entregará unha copia do documento de “entrega” previamente asinada polo representante legal do alumno/a.

NORMAS ESPECÍFICAS DE XESTIÓN DAS AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

  1. Unha vez presentada a solicitude e o alumno/a estea matriculado para o curso 2018/2019, o centro xerará un vale para adquirir libros de texto, sempre que o alumno teña entregados os libros do curso 2017/2018, se é o caso.
  2. Unha vez presentada a solicitude e o alumno/a estea matriculado para o curso 2018/2019, o centro xerará un vale para adquirir material escolar sempre que conste que o alumno/a devolveu os libros do curso 2017/2018.
  3. O centro nunca expedirá un novo vale, en caso de que a persoa beneficiaria ou a libraría o extravíen.
  4. Cando a persoa interesada detecte algún erro no vale entregado, disporá de 10 días para emendar a solicitude e devolver o vale recibido ao centro.
  5. O centro publicará no taboleiro de anuncios a relación de solicitudes con indicación das deficiencias detectadas ou a documentación da que carezan. Os interesados terán 10 días para emendar esas deficiencias ou remita os documentos preceptivos.
  6. Quedarán excluídas as solicitudes que non se puidesen validar por estar presentadas fóra de prazo, por falta de emenda da deficiencias da solicitude ou por falta de devolución dos libros de texto do curso 2017/2018.

RENDA PER CÁPITA DA UNIDADE FAMILIAR

  1. A renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da familia do exercicio fiscal de 2016 entre o número de membros computables. Contarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.
  2. Cando presentase declaración da renda 2016, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 380) e a base impoñible de aforro (recadro 395). Cando non se presentase teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
  3. Nos casos de violencia de xénero non se terán en conta os ingresos do agresor.
     

QUEN SON OS MEMBROS COMPUTABLES DA UNIDADE FAMILIAR?

  1. Pais non separados legalmente ou titores do alumnado.
  2. Fillos menores de idade con excepción dos emancipados.
  3. Fillos maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  4. Fillos menores de 25 anos que convivan no domicilio familiar.
  5. A persoa proxenitora separada legalmente ou divorciada, cando haxa custodia compartida.
  6. A persoa que, por novo matrimonio ou convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar.
  7. Cando no exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior.