REMATA A FORMACIÓN EN TECNOLOXÍA EDUCATIVA DESTE CURSO

O profesorado do centro estivo seguindo durante este curso un  extenso programa formativo en Tecnoloxía Educativa (Edtech) que rematou o pasado xoves coa entrega de diplomas.

A cantidade de recursos dixitais educativos medra e mellora cada día. Estar ao tanto de tódalas novidades e ser quen de analizar cada unha resulta complicado. Por iso, este ano implantamos no Centro un ambicioso programa formativo en Tecnoloxía Educativa (Edtech) co obxectivo último de producir un cambio metodolóxico que mellore a competencia dixital e a motivación do noso alumnado.

María Movilla Martínez e Manuel Pais Costas foron os responsables do deseño e impartición desta acción formativa repartida en seis sesións programadas desde o comezo do curso. Partindo do Marco de Referencia da Competencia Dixital Docente establecido polo Ministerio de Educación programaron cada acción de forma práctica e con apliacións directas na aula.

Ao longo do curso traballaron en:

  • Aulas virtuais.
  • Aplicacións didácticas da Pizarra Dixital Interactiva.
  • Gamificacións.
  • Instrumentos dixitais de avaliación e participación.
  • Creación de imaxes interactivas e aplicacións didácticas das mesmas.

As enquisas realizadas ao remate desta formación amosan a estupenda acollida que tivo no profesorado cun 4,6 de valoración media sobre 5. Tamén se constatou a necesidade se seguir traballando nesta liña, xa que o 100% dos enquisados contestou que debería continuarse coa formación Edtech nos cursos vindeiros.