PROGRAMA DE SEGUIMENTO DE LIXOS MARIÑOS NAS PRAIAS DE CANGAS

Damos a coñecer os resultados do proxecto de investigación realizado polos alumnos de 4º de ESO da área de Bioloxía ao longo do ano 2021.
Este proxecto ten como finalidade principal a iniciación na investigación científica dos nosos alumnos.
Este programa de seguimento de lixos mariños realízase en cinco praias do concello de Cangas situadas na proximidade da vila: Alemáns, Salgueirón, Congorza, Medio e Cunchas.
En cada Praia realízaronse 4 mostraxes (campañas) no ano 2021 (inverno, primavera, verán e outono). Para a realización da mostraxe seguiuse un formulario estandarizado baseado no Programa de Seguimento de Lixos Mariños do Ministerio de Medioambiente.
Defínese como lixo mariño a calquera sólido persistente de orixe non natural (producido ou transformado polo home), que sexa rexeitado, depositado ou abandonado en ambientes mariños e/ou costeiros. 
Na realización das mostraxes retírase o lixo observado e posteriormente procédese a súa contaxe e a inclusión dos datos obtidos nas correspondentes follas de cálculo para o seu estudo. As mostraxes documéntanse fotográficamente. 
A realización do proxecto queda reflictida na web Lixos Mariños en Praias de Cangas.
Ao longo do ano 2021 retiráronse 407 kg de lixos, contabilizando un total de 27.677 obxectos. Os máis numerosos son obxectos de vidro (16.670), a meirande parte deles fragmentos pequenos moi redondeados. En segundo lugar atopamos materiais  cerámicos e de construcción (5.838). En terceiro lugar, temos os plásticos, con 3.684 obxectos de diverso tipo e orixe.