CONSELLO MUNICIPAL DA INFANCIA

O noso colexio participa e faise escoitar no Consello Municipal da Infancia que o Concello puxo en marcha hai uns días.

A partir do Proxecto “Cangas, concello dos/as nenos/as”, por un concello integrador e participativo da infancia, o Concello de Cangas tense adherido ás cidades dos/as nenos/as que impulsa o pedagogo italiano Francesco Tonucci. En acordo plenario de 29 de abril de 2016, refrendouse por unanimidade o respaldo a esta iniciativa. O proxecto ten como obxectivo que as cidades, os Concellos, teñan aos nenos e nenas como principais protagonistas das mesmas, unhas cidades humanizadas, nas que se favoreza a independencia dos/as máis pequenos/as, que poidan ir sós e soas aos centros educativos, e facer concellos máis seguros para toda a cidadanía. Educar para a vida. Nenas e nenos, amais de estar protexidos/as, deben estar preparados/ as para a vida, educados/as no sentido de dispoñer de instrumentos, habilidades e autonomía propios. En base ao exposto, amparándose na lexislación e recomendacións vixentes (Convención sobre os Dereitos do Neno) trátase de constituir un órgano, unha mesa de traballo, transversal e interdisciplinar, onde se trate de avaliar a situación actual e de dotar dos recursos axeitados de todo ámbito a fin de mellorar a calidade de vida da nosa infancia e dos nosos concellos.

Tendo isto en conta, tanto nós coma o resto dos colexios da contorna participamos na consolidadción e posta en marcha da mesa no mes de novembro, onde ademáis de escoitar ás personalidades do noso concello, tamén se fixo o propio cos máis pequenos, que nesta ocasión, fixéronse escoitar, plantexando de forma clara cales son, segundo eles, aspectos a mellorar na vida cotia dos nenos da súa idade.