ANXO FARIÑA CÓNTANOS A SÚA HISTORIA

 O noso alumnado de 4º de primaria descubriu moitas curiosidades acerca dos Megatoxos, ata o momento da saga máis longa escrita en galego.

Ás veces dun pequeno reto entre amigos poden saír cousas tan incribles como esta colección de 6 libros escrita e ilustrada por Anxo Fariña. Pero Anxo Fariña é moito máis ca o autor dos Megatoxos. Estudou Belas Artes e grazas ao seu traballo nun centro de menores descubriu que os seus contos facían felices aos demais. Como el mesmo lles dixo: escribe para os lectores, non para si mesmo.

Partindo de debuxos en apariencia tan simples como un punto ou unha caixa, fíxoos reflexionar sobre o feito de que coa imaxinación poden converterse en moito máis. Do mesmo xeito, ensinoulles en exclusiva imaxes do seu próximo libro; Os ecos do lume, que se publicará no vindeiro mes de abril, e que estamos desexando que saia á venda para ir dereitiños á librería a mercalo.

Ao final da visita, tiveron a oportunidade de facerlle unha entrevista, que foron preparando nas últimas semanas logo de ler os libros de Megatoxos e de indagar sobre a súa figura. Non nos quixeron desvelar moito  sobre este traballo xornalístico xa que formará parte do seu Faro da escola. Polo momento, só nos poden contar que  descubriron que con 11 anos ilustrou un libro para unha das súas mestras! O resto da entrevista… no Faro da Escola do colexio Compañía de María Cangas.